A Coruña PDF Print E-mail

 

A Coruña é unha cidade situada no noroeste de Galicia e bañada polo océano Atlántico, nas rías Altas. É a capital da provincia galega da Coruña e a principal cidade da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. É a segunda cidade galega en poboación, despois de Vigo con 296.479 habitantes (2013), xa que tiña 244.810 habitantes no ano 2014.

Capital de Galicia entre 1563 e 1981, é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia, da Forza Loxística Operativa e capital da III Rexión Militar Española.

O seu emprazamento é privilexiado, xa que se ergue sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da cidade espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, polo que presenta dúas fachadas marítimas distintas: A Portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas.

Unha das características máis notables que identifican á Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.

De: http://gl.wikipedia.org/wiki/A_Coru%C3%B1a

Máis información:

- Concello da Coruña: http://www.coruna.es/#&panel1-1

- Deputación da Coruña: http://www.dicoruna.es/portada/

- A Coruña turismo: http://www.turismocoruna.com/web/